Sarria

Historia

Datos xerais.

As terras de Sarria estiveron poboadas desde tempos moi antigos, aínda que sexa difícil establecer cales foron os seus primeiros habitantes. Hai indicios de asentamentos polo menos desde a fase neo-eneolítica, como demostran os enterramentos megalíticos documentados. a maior parte das especulacións sobre os poboadores prerromanos da actual comarca de Sarria carecen de xustificación documental, aínda que se sabe que os “seburros” citados por Diego Pazos son os “seurri” dos que falaba Ptolomeo, quen os situaba ao sur de Lugo.

A aparición da cerámica sigilata e de moedas romanas, atopadas nos castros de Seteventos, Vilapedre e A Margarita en Samos, mostran a poboación castrense durante a romanización tardía do Noroeste peninsular. Da presenza romana nestas terras, tan próximas a Lucus Augusti e atravesadas pola vía que ía a Castro Dactonio ( Lemos), hai que destacar os restos de dúas vilas romanas en Vilar de Sarria e en Santo Antolín. Consérvase no Museo de Pontevedra unha estela funeraria procedente de Vilar de Sarria.

En épocas do alto medievo aparece ligado a estas terras o título de “Comes in Sarria” ou “Comes in Elarín”. Desde principios do século XII é citado como “Comes in Sarria” Rodericus Vélez, iniciador da triloxía de Condes de Sarria. Porén a gran historia deste municipio comeza coas primeiras peregrinacións a Santiago polo Camiño Francés. Tamén neste século, Gutierre Ruiz de Castro adquire o señorío de Lemos e Samos coa súa voda con Elvira Osorio, momento no que probablemente fundouse a fortaleza de Sarria, destruída en 1467 na “Revolta Irmandiña”.

A finais do século XII,Afonso IX funda Vilanova de Sarria, outórgalle o foro polo que ia rexerse como vila real e contribúe á repoboación das súas terras, nas que morrerá en 1230, vítima dunha grave enfermidade que lle sobrevén cando peregrinaba á tumba do Apóstolo para darlle as grazas pola reconquista da cidade de Mérida, en temos de Afonso X (1252 – 1284) aparece como señor de Lemos e Sarria Esteban Fernández de Castro, quen axudou na reconquista das cidades de Córdoba e Sevilla. Xunto con outras vilas reais Sarria tivo voto nas Cortes.

Na Alta Idade Media, a historia de Sarria vai paralela á casa de Lemos, desde que no século XV se lle concede a don Pedro Álvarez Osorio o título de Conde de Lemos con carácter hereditario. Desde entón a Casa de Lemos caracterizouse pola súa vinculación ao Mosteiro da Magdalena, realizando varias doazóns para o mesmo durante os primeiros anos do século XIX, a comarca de Sarria destacou por unha forte actividade carlista, chegando a declararse estado de guerra en novembro de 1839. A finais desta centuria, a vila experimentou un importante crecemento económico e urbanístico, baseado na posta en servizo do ferrocarril (1880) e na mellora xeneralizada das comunicacións, o que permitiu mellorar considerablemente a vida económica e comercial da contorna da comarca.

A vila expándese e nacen novos barrios (San Lázaro, A Estación, As Casetas) nos que se asentan persoas foráneas que establecen almacéns e pequenas industrias. En 1885, inaugúrase a nova igrexa de Santa Mariña. En 1896, instálanse en Sarria os Padres Mercedarios e inauguráronse as Escolas Públicas, doazón do filántropo sarriao don Matías López. A súa viúva, Marquesa de Casa López, crea o Hospital Municipal en Campo de Outeiro inaugurado en 1909. A actividade comercial e industrial vai en aumento e a principios do século XX xa alcanzaba unha poboación de 1500 habitantes. Abren novas rúas e a actividade exportadora (gando, cereais, castañas, patacas, xamóns, chourizos,...) fará que a riqueza vaia en aumento. En 1915, chega a electricidade e pouco máis tarde a traída de augas. Os períodos da Ditadura e a II República favorecen o aumento de estradas e escolas e a urbanización das principais rúas da vila.

A factoría de cementos do Oural sinala a partir dos anos 60 o comezo dun proceso industrializador apoiado na construción e na industria do moble, que xunto co regreso de emigrados en América e Europa, sinalaban o despegue económico, cun proceso paralelo ao de modernización do sector agrícola gandeiro. A posta en funcionamento de novos centros de ensino ( Colexios Públicos en Sarria e Oural, Colexio da Asunción, Colexio da Mercé, Institutos de Bacharelato e Formación Profesional), así como as dotacións da Residencia de Anciáns e Centro de Diminuídos Psíquicos, xunto con equipamento deportivo e de lecer, farán que a vila de Sarria se converta nun núcleo que irradia a súa influencia sobre unha ampla e rica comarca, constituíndo un centro de servizos dinámico e con oferta moi diversificada.

SARRIA WEATHER

Sarria

Seleccione su idioma