Sarria

Presentación do Libro: Aquela nena de Sarria

libro aquela nena de Sarria

Co gallo do Día das Letras Galegas, o Colectivo Egeria vén de publicar o libro “AQUELA NENA DE SARRIA”, sobre os anos sarriáns e lucenses de Xela Arias.

  • Bilbioteca pública municipal do Concello de Sarria "Camilo Gonsar" (Casa da Cutura)
  • Luns 31 de maio de 2021, ás 17:00h

Esta obra forma parte do proxecto do mesmo nome, promovido polo Colectivo Egeria, co patrocinio da Xunta de Galicia, e a colaboración da Real Academia Galega e o Concello de Sarria. Este proxecto está composto por unha web, unha exposición itinerante que a finais deste mes terá visitado 42 cidades e poboacións de Galicia, e un catálogo que recolle os contidos da exposición.

O libro, que amplía os contidos da exposición xunto con outras diversas informacións, segue a estrutura da mostra, e conta con poemas e debuxos de arredor de medio cento de estudantes dos institutos de Sarria (coordinados polos profesores Lola Chaos e Eduardo Rey), poemas de autores sarriáns actuais, e das escritoras “compañeiras de viaxe” de Xela, os primeiros traballos coñecidos da autora homenaxeada, e colaboracións de Xaime Félix López Arias, que foi cronista de Sarria, gran amigo da familia, e Asunción Fernández Puentes (Siña), Directora do Colexio Fingoi. Recolle tamén textos de Avelino Pousa Antelo, Valentín Arias, Amparo Castaño, Lois Arias Castaño, Darío (o fillo de Xela) e once “vilariñas” dos poetas membros do colectivo Nova Poesía Guitírica, na honra de Xela.

Nas 184 páxinas desta obra, da que son responsables Antonio Giz e Xulio Xiz, teñen un especial papel as fotos da nenez de Xela facilitadas pola familia Arias-Castaño, en base ás que a pintora e profesora lucense Sabela Arias fixo unha serie de magníficas recreacións que lle dan ao libro e ao resto das accións deste proxecto un carácter esencialmente xuvenil, plenamente acorde con esta primeira etapa vital de Xela.

Tagged under Xela Arias
SARRIA WEATHER

Sarria

Seleccione su idioma