Sarria

Sarria entra na "Red Sororidad" para darlle visibilidade ás mulleres do Camiño

As veciñas de Sarria con negocios vinculados ao Camiño Francés -produtoras, artesás, propietarias de aloxamentos e restaurantes, promotoras de proxectos culturais, etc.- poden sumarse á “Red Sororidad” para reforzar a súa visibilidade e favorecer novos contactos comerciais coas peregrinas que realizan esta ruta.

Segundo explicou hoxe a concelleira do Camiño de Santiago e Turismo, Reyes Abella, a “Red Sororidad” é unha iniciativa enmarcada no proxecto de fondos europeos “Camino de Europa”, do que forman parte os 11 concellos integrados na Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés -entre eles, Sarria- xunto con outras oito entidades de Aragón, Navarra, La Rioja e Castilla y León.

Esta iniciativa xorde da particularidade de que mentres o maior número de persoas que realizan o Camiño son mulleres, a presenza feminina na contorna rural, aínda que en aumento, segue a ser minoritaria. Por este motivo, a través da “Red Sororidad” preténdese darlle visibilidade ás empresarias e emprendedoras vinculadas ao Camiño Francés e aos seus proxectos, fomentando o seu coñecemento por parte dos milleiros de peregrinas.

Reyes Abella destaca que “esta rede representa unha excelente oportunidade para estreitar lazos persoais e comerciais entre as mulleres do Camiño e para transmitir ás peregrinas coñecementos sobre a cultura, a gastronomía e o arte do rural galego a través das súas protagonistas”.

As mulleres interesadas en formar parte da “Red Sororidad” poden xestionar a súa alta a través da web www.redsororidad.comcontactando coa Concellaría do Camiño de Santiago e Turismo de Sarria ou coa Mancomunidade de Concellos Galegos do Camiño Francés.

SARRIA WEATHER

Sarria

Seleccione su idioma