Sarria

Máis dun millón de euros para a mellora da rede viaria

O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, visitou as obras de mellora con aglomerado en quente das rúas Barreiros, Cantalarrana e Sol, en Oural, que supoñen un investimento de 55.000 euros e que forman parte dun conxunto de proxectos de mellora da rede viaria con fondos propios e do Plan Único nos que o goberno local está a investir máis de 1,1 millóns de euros.

A partida máis contiosa (281.000 euros) destinouse á renovación do pavimento con aglomerado en quente nos sete quilómetros da estrada de Oural a Vilamaior, executado pola empresa Probisa Vías y Obras. A mesa empresa acometerá a rexeneración doutras tres pistas municipais: o acceso a Barbadelo desde a estrada LU-p-5709 na Serra (100.000 euros), o acceso a Cedrón desde a estrada LU-P-5713 por Piñeira (101.000 euros) e o acceso a Vilerma (Maside) desde a estrada LU-633.

Pola súa parte, a renovación do firme da pista de acceso a Perruscallo, na parroquia de Belante, será executado por Grupo Bascuas 2008 (60.000 euros), empresa que xa acometeu a finais do pasado mes de novembro a mellora con aglomerado en quente dos viais nos núcleos rurais de Manán, Rubín e Ferreiros (156.000 euros).

O alcalde tamén anunciou que outro proxecto de próxima execución, correspondente ao Plan Único 2022, e que será executado por Adecón Obras y Servicios por 141.000 euros inclúe a mellora de oito accesos a núcleos: Santo Estevo de Requeixo, Frades, Lousadela, Sisto  e Domiz (Meixente), San Martiño de Rente (Barbadelo), Corvelle e Aguiada-Castro dos Petos (San Mamede do Camiño).

Outros 11 viais municipais serán mellorados pola firma Jesús y Páramo dentro dun proxecto de rexeneración de pistas adxudicado en 136.000 euros: Santa Marta de Ortoá, Lier-Pintín, Rosende-Arxevide, Abuín-Vilanova, San Saturniño, Vilaesteba, A Esperanza (Oural), O Real (San Fiz de Reimóndez), Vilarrairo, Seteventos-Toldaos e Betote.

 

 

SARRIA WEATHER

Sarria

Seleccione su idioma