25N DIA INTERNACIONAL DE LA ELIMINACIÓN DE LA VIOLENCIA CONTRA LAS MUJERES
O Concello de Sarria, a través da súa Concellería de Igualdade, súmase un ano máis, á conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, renovando o seu compromiso social de loitar contra todas as manifestacións de violencia que sofren as mulleres na nosa sociedade, mostrando o seu rexeitamento a todos aqueles que a exercen e promovendo o cambio social mediante unha posición de tolerancia cero fronte ao machismo.
Un compromiso que deber ser conxunto e ao que, este ano, queremos dar visibilidade baixo o lema “Voa alto, voa libre”, símbolo do papel das mulleres que queremos na sociedade actual, e que presidirá os actos de conmemoración do 25N.
Co desexo de que no futuro non haxa ningún motivo para conmemorar o Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, este goberno local fai fincapé na importancia de impulsar actuacións que promovan a educación en igualdade desde o ámbito escolar e desde as idades máis temperás.
Tendo en conta que a educación constitúe unha das áreas prioritarias de intervención na promoción da igualdade e na prevención da violencia de xénero, e que a igualdade tamén se aprende, se ensinamos igualdade, avanzaremos na redución do grave problema social que hoxe é a violencia contra as mulleres, límite máximo da desigualdade.
Ambas premisas motivan as actividades que conforman a programación da Concellería de Igualdade do Concello de Sarria para este 25N e que se desenvolverán, desde o xoves 21 ata o luns 2 de decembro, co alumnado de educación infantil, primaria e secundaria de todos os centros educativos.
Ensinanza da igualdade á que tamén se suman desde o programa de conciliación do concello, Sarria Concilia que, desde o luns 19 ata o luns 25 de novembro, desenvolverán obradoiros de decoración, arte, pintura e fotografía nos que traballarán coas nenas e nenos distintos conceptos en prol da igualdade para que, as e os máis pequenos, se convertan na semente do cambio.
PROGRAMACIÓN:
- Xoves 21 (CEIP Frei Luís de Granada); venres 22 (EEI Xela Arias e CEIP Antonio Fernández de Oural) e luns 25 de novembro (CPR Plurilingüe Nosa Sra da Asunción e A Merced), Obradoiro de educación en igualdade “O mundo de cores de Roque e Lía” impartido pola pedagoga viguesa Paula Suárez autora da obra literaria infantil en galego.
- Venres, 22 de novembro, Casa da Cultura do Concello de Sarria, obra de teatro social “Bolboretas Negras”, dirixida ao alumnado de 3º e 4º de ESO dos CPR Plurilingüe A Merced, Nosa Sra da Asunción e dos IES Gregorio Fernández e Xograr Afonso Gómez.
(Actividades financiadas con cargo aos Fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdade, destinados ás EELL).
- Domingo 24 de novembro, ás 17:00h, na Casa da Cultura-Biblioteca Camilo Gonsar do Concello de Sarria, “Obradoiro de Arte colaborativa en conmemoración do 25N”, coa colaboración do club de lectura e destinado ao público en xeral.
- Luns, 25 de novembro, ás 13:30h, na Casa do Concello, terá lugar a lectura do Manifesto en conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A lectura será realizada pola Concelleira de Igualdade.
- Primeira semana de decembro (data por confirmar), “Charla informativa sobre agresións sexuais e violencia sexual” a cargo de María Angélica Mercado Torres, mestra especializada en xénero e igualdade, e dirixida ao alumnado de BAC dos IES do Concello de Sarria.
(Actividade financiada pola Dirección Xeral de Loita contra a VX da Consellería de Política Social e Igualdade en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP)).