Sarria

265 participantes no DHU Vila de Sarria

A décima edición do Descenso Urbano (DHU) Vila de Sarria, que congregará a un total de 265 participantes entre maiores e nenos/as, inicia mañá a programación de actividades coa apertura ás 20.00 horas dunha zona gastronómica na denominada Zona Podium -no cruce da avenida, na confluencia das rúas Matías López e Diego Pazos- e con tres actuacións musicais nese mesmo lugar: o show de Grison Beatbox (21.30 horas), o concerto de Thom Archi (23.00 horas) e a música electrónica do dj Sutan (00.30 horas).

A celebración do DHU Vila de Sarria esta fin de semana comezou xa a notarse nos últimos días co operativo especial de tráfico coordinado pola Policía Local para posibilitar a montaxe do circuíto desde o Campo da Feira ata O Malecón, que inclúe máis dunha vintena de estruturas e máis dun cento de módulos de madeira.

O concelleiro de Deportes, Félix Seijas, solicita “comprensión antes as molestias que se poidan ocasionar” e “máxima colaboración cidadá para que o DHU sexa todo un éxito de organización e, sobre todo, de seguridade”. Ademais, resaltou que nesta décima edición o Concello de Sarria realizou unha “aposta firme” ao destinar 30.000 euros para “axudar a consolidar o DHU como o mellor descenso de España”. “Na última edición esta proba reuniu a máis de 6.500 persoas e agardamos que esta fin de semana esa cifra se multiplique”, apuntou o concelleiro, que tamén engadíu que o DHU será transmitido por TVG e Eurosport, “axudando a proxectar a imaxe de Sarria no resto de Galicia, España e tamén no estranxeiro”.

En canto á participación, os organizadores da proba, o club ciclista DHG Team, confirmou hoxe a inscrición dun total de 265 participantes, dos cales 130 serán sénior e 135 serán nenos/as de 3 a 12 anos de idade, experimentando a modalidade infantil un importante incremento de participantes respecto aos 85 da anterior edición. No grupo dos maiores, o espectáculo está garantido coa participación de “riders” como Edgar Carballo, Eva Castro, Toni Ferreiro, Gemma Chapela, Marco Veiga ou Iván Mourelo.

Respecto da programación de actividades previstas para a fin de semana, o sábado de 9.30 a 11.00 horas disputaranse os adestramentos do MiniDHU, que celebrará a súa carreira a partir das 11.15 horas. Pola tarde, de 16.00 a 20.00 horas, están programados os adestramentos do DHU e ás 20.30 horas terá lugar na Zona Podium o show Bici Vs Moto trial. Ao remate do mesmo, están previstas outras tres actividades musicais: o concerto de Sila Lua (22.00 horas), o concerto de Youcanthide (23.30 horas) e a actuación do dj Jor Ginho (1.00 horas).

Xa na xornada do domingo, das 10.00 ás 14.00 horas terán lugar os adestramentos finais do DHU e ás 12.00 horas celebrarase un obradoiro de grafitti na Zona Podium. Xa pola tarde, ás 16.00 horas disputarase a manga clasificatoria do DHU e ás 17.30 horas a manga final.

 

SARRIA WEATHER

Sarria

Select your language