Historia do Camiño
O Camiño de Santiago remóntase hai máis de mil anos, cando unha noite arredor do 820, no monte sagrado do Libredón, en Santiago, descubriuse a tumba do apóstolo, a cal pasou a ser unha pedra fundacional da Catedral compostelá e ao mesmo tempo, da cidade de Santiago, destino europeo dende tempos inmemorales pola súa ruta de peregrinación.
Durante máis de mil anos, miles de peregrinos emprenderon o seu camiño ata o santuario do apóstolo Santiago, atraendo o seu carácter máxico e relixioso a camiñantes de toda Europa e o Mundo. A finais do século IX empezaron a peregrinar monarcas astures, abades e monxes franceses e alemáns, cara a Santiago, onde iniciouse a construción da catedral tempo despois.
A peregrinación a Compostela converteuse dende o século XI nunha das grandes rutas de peregrinación de la cristiandade medieval, xunto coa dos palmeiros de Israel e romanos a Roma, e é que a época de ouro das peregrinacións prodúcese entre os séculos XI e XIII, cando chegan peregrinos dende Francia, Italia, centro e este de Europa, Inglaterra, Alemania, incluso Islandia, e por suposto toda Hispania, a pé, a cabalo, en barco... Era unha maneira de reforzar a fe cristiá nun momento de asedio musulmán peninsular, durante o contexto das cruzadas e guerras de relixión.
Dende época medieval, a hospitalidade será unha das sinais de identidade do Camiño de Santiago, dicir que arredor do Camiño fúndanse pensións, fondas, pontes, mesóns, hospitais...unha serie de servizos que fan crecer e prosperar as vilas por onde pasa o camiño, prestando tamén benestar aos peregrinos. Moitos foron os hospitais creados por ordes relixiosas e co beneplácito da coroa. Na mentalidade medieval, o peregrino era un enviado do Ceo, polo que había que consideralo e tratalo como se fose o propio Deu.
Mentres que nos séculos XIV e XV o Camiño resistiu malia os prolongados períodos de fame, crise económica e pensamento, no século XVI sofrerá unha profunda crise, motivada polo pensamento humanista que criticou a peregrinación, e tamén influído pola Reforma protestante e as guerras de relixión que acocharán Europa, enfrontando reinos e ideais. A Inquisición tamén constitúe un problema no século XVI, pois as súas sospeitas afectaban a todo estranxeiro, inclusive aos peregrinos xacobeos, algúns deles acusades de espionaxe.
Dicir que no 1589, debido as guerras contra os ingleses, ocultouse o corpo do apóstolo dentro do recinto do presbiterio da catedral. O seu paradeiro exacto foi descoñecido durante varios séculos, ata 1879, ano do Segundo Descubrimento dos restos apostólicos.
No século XVII, co barroco, reactivarase o Camiño de Santiago, en especial durante os anos santos, aínda que a ruta terá que convivir os xacobitas cos falsos peregrinos, interesados en vivir da caridade e as esmolas nas vilas e cidades. A Revolución Francesa motivará un novo descenso no número de peregrino a finais do século XVIII.
Na época de poca afluencia, os peregrinos peninsulares serán os encargados de manter o camiño. A partir de 1879, ca declaración papal do encontro dos restos apostólicos, na bula Deus Omnipotens (1884), e ca celebración do ano santo no 1885, empezou de novo o rexurdir o Camiño.
Aínda que o Camiño de Santiago terá un novo crecemento nas décadas finais do século XIX e principios do XX, a Guerra Civil Española (1936 – 1939) e o franquismo afectaran de novo as peregrinacións.
Nos anos 50 e 60 comezou a recuperación do Camiño e creáronse as primeiras asociacións xacobeas de París (1950) e Estella (1963). O impulso definitivo chegou a partir de 1982 cando o Papa Juan Pablo II peregrinó a Santiago e fixo un discurso na catedral compostelá. No feito das peregrinacións tivo moi destacada parte o sarriao don Elías Valiña Sampedro “o cura do Cebreiro” (1929-1989), natural de Mondín-Lier, o cal axudou a promoción do Camiño.
A experiencia da peregrinación a Santiago é única no actual mundo globalizado marcado pola tecnoloxía, economía, e aínda hoxe e día, polas guerras de relixión. O Camiño de Santiago foi, e segue sendo, sen dúbida, a ruta máis antiga, concorrida e celebrada do vello continente. A maior parte deses peregrinos elixen Sarria, lugar onde Afonso IX rematou a súa peregrinación, para comezar a súa.
Actualmente, máis de 300.000 persoas ao ano recorren esta ruta de peregrinación, e é que non é soamente un acto de fe, senón que tamén converteuse nunha experiencia máxica e profundamente humana do propio descubrimento de se mesmo. A paisaxe, a soidade, a natureza...todos estes elementos conflúen na maxia do camiño.
O camiño é un fenómeno transversal que mestura unha parte espiritual xunto con novos coñecementos, amistades, solidariedade e cultura, un camiño no que os peregrinos contan ademais ca vivencia da paisaxe e a historia da nosa Galiza.
Dicir que o Camiño de Santiago foi declarado “Patrimonio da Humanidade” pola UNESCO", “Primeiro Itinerario Cultural Europeo” polo Parlamento Europeo, e recibiu o Premio “Príncipe de Asturias á Concordia”. Todos estes recoñecementos destacan a importancia do intercambio cultural, relixioso, ideolóxico e de convivencia xerado polo feito das peregrinacións e como cada ano son máis os peregrinos de todas as linguas, nacionalidades e culturas que realizan esta ruta secular a pé, en bicicleta, a cabalo ou/e con emprego doutros medios, movidos polas máis diversas razóns.