Se falamos de comer ben, falamos de Sarria
Se falamos de “ben comer”, falamos de Sarria
Sarria goza de merecida sona entre as localidades do interior de Galicia, tanto pola calidade dos seus produtos naturais, como pola esmerada preparación dos mesmos nos numerosos establecementos hostaleiros de todas as categorías, que cunha boa relación calidade – prezo, converten á vila de Sarria nun dos puntos de referencia á hora de falar do “ben comer”.
Somos un dos lugares punteiros en produción de carnes de porcino entre as que se encontra o porco Celta. Esta raza autóctona, ata agora eclipsada polo porco ibérico e a cal foi recuperada recentemente xa que a partir dos anos 50 estaba practicamente en extinción, é a única de todas as razas porcinas que se cría en total liberdade, feito que inflúe na súa carne.
Melosa, tenra, saborosa...son algúns dos adxectivos que podemos atribuírlle a este manxar cárnico, ideal na elaboración de embutidos, e excelente para calquera preparación e cocción.
Falar de chourizo e lacón “de Sarria” é dicir “calidade”. A produción realízase seguindo procedementos artesanais; estes produtos poden ser adquiridos durante todo o ano nos diferentes establecementos dedicados a esta produción tales como fábricas de embutido e carnizarías, así como noutros establecementos comerciais.
Dicir que a carne de porco celta pódese degustar todos os anos na “Festa do Porco Celta”: xornada de exaltación do cocido do “porco Celta”. É organizada pola Asociación de Hostaleiros da comarca de Sarria, “Serra do Édramo”, coa colaboración do Concello de Sarria e os restantes da Comarca.
A carne de tenreira (“tenreira galega´”) ten renome en todo o país, non hai que esquecer que en toda a comarca a gandería é o motor económico principal e os pastos son de grande calidade. Destaca a cría da raza “rubia galega”, de sabor intenso, único e inigualable, recomendando para a súa degustación calquera dos nosos establecementos, o seu aroma e sabor embelesará padais exquisitos e exixentes. Salientar que nos últimos anos estanse recuperando outras razas autóctonas como a cachena, caldelá, limiá, frieiresa e vianesa.
Relacionado ca produción cárnica, mencionar como pratos típicos da nosa cociña o lacón con grelos, embutidos tradicionais como chourizo ou chicharros prensados, cocido e caldo galego, carne “o caldeiro” (carne cocida nun caldeiro, aliñada con aceite, sal e pemento), callos á galega, chuletón e entrecot de tenreira, churrasco de tenreira e porco, e empanada de carne e iscos, entre outras delicias. Dicir que as empanadas de Sarria, como o pan, destacan gastronómicamente pola súa elaboración artesanal, e tamén pola variedade dos seus recheos, tanto de carne como pescados (atún, bacallau, xoubas...) e mariscos (zamburiñas) ou polbo, xunto cunha base de cebola e pemento. A empanada é un produto moi demandado na zona tanto para os sarriáns como para os visitantes da vila. A destacar o Primeiro Museo do Pan, inaugurado en 2012 pola Panadería Pallares, profesionais con máis de 140 anos de antigüidade, onde o visitante gratuitamente non só poderá coñecer o proceso de fabricación senón que poderá contemplar pezas artesanais antigas e interesantes.
Por outra parte, a horta de verduras propias da zona son os grelos, verzas, repolo ou patacas, vexetais que acompañan estes pratos típicos como o cocido ou o caldo.
En canto ao “polbo á feira”, como en toda Galiza, é un dos emblemas da nosa cociña. Os postos das polbeiras, tanto nas feiras que se celebran os días 6, 20 e 27 de cada mes, como nos establecementos fixos, conseguen darlle a este cefalópodo o punto que só se logra nas terras do interior, sexa para comelo con pan ou acompañado de cachelos, e regado cos viños das ribeiras do Sil e do Miño tan saborosos eles.
Mencionar que na comarca de Sarria existen varios cotos de caza, a destacar a perdiz, o corzo e o xabarín, produtos logo empregados na nosa cociña de tempada, acompañados por exemplo de castañas, outro produto típica da zona no outono. Aproveitando a nosa hidrografía, dicir que as troitas e anguías tamén forman parte da nosa cociña tradicional.
Por último mencionar os nosos pratos de sobremesa, como filloas, freixós, roscón, melindres, tartas de améndoa, castañas ou noces, da que destacaremos a Tarta de Sarria, larpeira, leite frita, Santitos de tempada, bombóns temáticos e o queixo con marmelo. Sarria conta cunha empresa elaboradora de queixos onde as súas especialidades son a fabricación de queixo e leite condensada “Denominación de Orixe Protexida Queixo de Tetilla”, de feito, gañou o certame internacional World Cheese Awards o premio polo mellor queixo pola súa tetilla no ano 2014. Tamén temos que facer referencia, no ámbito lácteo, da expendería pioneira na comarca de venda de leite fresca que naceu hai pouco.