Sarria celebrará o sábado o Día da Xuventude na zona recreativa do Chanto
A zona recreativa do Chanto acollerá o vindeiro sábado, día 11 de febreiro, a celebración do Día da Xuventude organizado pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia coa colaboración das concellarías de Xuventude e Cultura de Sarria e que incluirá preto dunha vintena de actividades e obradoiros de educación non formal dirixidos á mocidade.
Desde as 16.00 ata as 21.00 horas, no espazo lúdico de máis de 400 metros cadrados de superficie que montará a Dirección Xeral de Xuventude desenvolveranse xogos e actividades relacionadas con oito áreas temáticas: gastronomía saudable (xogo educativo “Nutrivial” e showcooking), lecer educativo (futbolín burbulla, futbolín humano, tiro con arco e slack-line), punto de información sobre os programas de Xuventude, concienciación ambiental (o cambio climático, experimentos de fenómenos relacionados co cambio climático, a biodiversidade e as 3Rs da reciclaxe), igualdade de xénero (análise dos comportamentos de violencia ao azar e exposición sobre as relacións tóxicas), obradoiro de graffiti, habilidades para a empregabilidade (elaboración dun currículo creativo e preparación para as entrevistas de traballo) e dinamización do entorno (música ambiente e actuación da Asociación Cultural Meigas e Trasgos, ás 20.30 horas).