Sarria

Condena unánime da Corporación ante o caso de agresión sexual

Ante as novas difundidas sobre unha agresión sexual a unha muller rexistrada nun pub de Sarria a finais do pasado mes de setembro, e tras constatar coas forzas e corpos de seguridade a existencia da correspondente denuncia e a detención de tres varóns relacionados con eses feitos, desde a Corporación Municipal de Sarria expresamos de xeito unánime a nosa solidariedade coa vítima e a nosa enérxica repulsa e condena ante calquera manifestación de violencia machista, ao tempo que solicitamos que se diriman canto antes as responsabilidades penais que poidan derivarse.

Desde a Corporación Municipal agradecemos a eficaz e dilixente actuación das forzas da orde á hora de investigar o acontecido e lamentamos que o nome de Sarria se vexa relacionado cuns feitos lamentables que non responden ao firme compromiso das forzas políticas locais de que este concello sexa un espazo seguro para as mulleres e libre de violencia machista.

Todos os grupos representados na Corporación Municipal reiteramos o noso compromiso para que este tipo de sucesos non volvan producirse e poñemos todos os recursos dos que dispón este concello ao servizo de calquera muller agredida.

Desde o Concello de Sarria seguiremos a traballar na formación, concienciación e sensibilización para xerar entre todas e todos unha cultura de rexeitamento absoluto da violencia machista, de promoción das relacións igualitarias e de respecto absoluto polas mulleres, para que se sintan libres e seguras en todo momento e en calquera lugar do noso municipio.

SARRIA WEATHER

Sarria

Select your language