Sarria

Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Como cada 25 de novembro, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, desde o Concello de Sarria facémonos eco da declaración institucional consensuada no seo da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e sumámonos ás súas reivindicacións.

A liberdade, a seguridade e a integridade son dereitos inherentes ao ser humano, incuestionables e, como tales, non poden limitarse por circunstancias temporais ou espaciais, nin tan sequera depender de ningún criterio; moito menos, pola condición de xénero.

A violencia contra as mulleres só pode admitir a repulsa como resposta, tanto por parte dos poderes públicos como da sociedade, que no seu conxunto debe avanzar con paso firme polo camiño da igualdade.

Datas como a do 25 de novembro lémbrannos que poñer fin á violencia contra as mulleres e as súas fillas e fillos, así como aos seus familiares máis achegados, é un obxectivo irrenunciable e prioritario. Non podemos esquecer as vítimas da violencia de xénero, as que asasinaron de xeito inxusto e as que están a atravesar situacións dramáticas.

Segundo os últimos datos oficiais do mes de agosto de 2023 publicados pola Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, o número de casos de mulleres asasinadas confirmados no conxunto do Estado entre xaneiro e agosto de 2023 ascende a 40 mulleres, deixando 45 orfos. En Galicia, dúas mulleres asasinadas e dous nenos orfos. Malia estes aínda terribles datos, a unidade na loita contra a violencia machista timidamente dá os seus froitos: no segundo trimestre de 2023, os xulgados galegos levan contabilizadas 1.707 denuncias por violencia machista, un 6% menos en relación co período anterior. E a taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000) situouse en 12, a máis baixa do Estado.

Con motivo deste novo 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a Federación Galega de Municipios e Provincias manifesta a firme convicción e determinación das Entidades Locais galegas para erradicar calquera tipo de maltrato sobre as mulleres, os seus fillos e fillas e achegados e achegadas, vítimas todas do machismo. Repudiamos calquera forma de agresión machista tanto no eido persoal como laboral.

Dende o municipalismo facemos un chamamento á responsabilidade común, tanto de institucións como da cidadanía; apostamos pola información e concienciación dos dereitos e ferramentas aplicables para cada situación, facendo o que estea na nosa man, tanto no noso espazo como fóra del, para que quen os precise acceda a eles.

Por iso poñemos a disposición e alentamos a facer propio o noso Decálogo Polo bo Trato:

1. Empregamos linguaxe libre de connotacións sexistas.

2. Integramos a perspectiva de xénero nas nosas decisións.

3. Difundimos unha imaxe non sexista da muller.

4. Traballamos a prevención da violencia machista e os valores de igualdade e respecto entre toda a poboación, especialmente a mais nova.

5. Fomentamos a ética e a corresponsabilidade nas tarefas e no coidado, tanto de menores como de persoas dependentes.

6. Identificamos e emendamos as posibles deficiencias que atopemos a nivel municipal na loita contra a violencia cara ás mulleres.

7. Respectamos a conciliación da vida laboral, familiar e persoal, e a igualdade de oportunidades no cadro de persoal.

8. Promovemos a representación equilibrada de mulleres e homes en todos os ámbitos de actuación municipal.

9.Rexeitamos a contratación de actividades nas que se fomente unha imaxe sexista da muller.

10. Prestamos especial atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade.

 

Nota: Na redacción do Decálogo participou o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

SARRIA WEATHER

Sarria

Select your language