A Corporación Municipal suspende o pleno ordinario e súmase ao loito polas vítimas da DANA
A corporación de Sarria suspende o pleno previsto para este xoves, 31 de outubro, e súmase ao loito oficial de tres días polas vítimas da DANA, acordado polo Real Decreto 1117/2024 de 30 de octubre.
Esta mañá, despois das conversas cos portavoces dos grupos representados no pleno, que por unanimidade asi o acordaron, o alcalde ditou decreto en tal sentido. Acordouse, ademais, a súa celebración o próximo xoves, sete de novembro, ás 19:30 horas.
A praza da Constitución acolleu este mediodía un minuto de silencio como mostra de pesar pola dramática situación que afectou ás comunidades de Valencia, Andalucía e Castilla-La Mancha.
O acto, presidido polo alcalde de Sarria, e no que participaron tamén concelleiros e concelleiras integrantes da Corporación e membros do persoal municipal pechouse cun aplauso precedido por unhas palabras de Claudio Garrido como homenaxe ás vítimas mortais e trasladando o apoio, a solidariedade e o cariño de Sarria ás súas familias e amigos e ás persoas que se viron afectadas polos efectos da DANA.
Tamén destacou o esforzo dos corpos e forzas de seguridade e voluntarios que traballan para restablecer a normalidade e manifestou o desexo de que atopen as persoas desaparecidas.