11 de outubro, Día Internacional da Nena.
O Concello de Sarria, a través da súa Concellería de Igualdade, súmase á conmemoración do Día Internacional da Nena que se celebra hoxe 11 de outubro.
Aínda que hai moito tempo existe o Día Internacional da Muller e o Día do Neno, ningún destes recoñece a posición única das nenas e os retos que enfrontan polo seu xénero e a súa idade. Por iso, a ONG Plan International, defensora dos dereitos da infancia e da igualdade das nenas, foi a encargada de impulsar a celebración do Día da Nena, aprobándose o 19 de decembro de 2011 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas.
O seu obxectivo: recoñecer os dereitos das nenas e os problemas excepcionais que afrontan en todo o mundo.
Desde entón, en España organízanse diferentes actos institucionais co fin de facer visible a realidade que sofren tantas menores e de apoderalas para mellorar a súa vida. Actos aos que este ano quere unirse o Concello de Sarria salientando o seu compromiso, como goberno máis próximo a cidadanía, co fin da discriminación e da violencia contra as nenas, e coa firme convicción de que a igualdade é a base da paz, da prosperidade e da sustentabilidade.
A xeración actual de nenas sofre de forma desproporcionada as consecuencias dos conflitos, da pobreza e o retroceso dos logros conseguidos con tanto esforzo en materia de dereitos humanos e igualdade de xénero. Hai demasiadas nenas ás que aínda se lles negan os seus dereitos e se lles restrinxen as súas opcións limitando o seu futuro. Necesitamos facer realidade a visión dun mundo no que todas as nenas estean protexidas e sexan respectadas e valoradas, non só durante esta etapa tan crítica, senón tamén na medida que van madurando e converténdose en mulleres.
A concelleira de Igualdade convida á cidadanía sarriá a sumarse á conmemoración do Día Internacional da Nena, co obxectivo de que entre todas e todos logremos dar visibilidade aos problemas que confrontan a diario por razón do seu xénero, promovamos o seu apoderamento e o cumprimento dos seus dereitos humanos, reivindicando a necesidade da igualdade entre mulleres e homes, e situando a educación como eixo fundamental para avanzar cara a unha igualdade real que desafíe unha construción social enquistada en crenzas baseadas nos estereotipos de xénero discriminatorios e derrube as estruturas tradicionais que silencian a nenas e mulleres.