O EquipoViogén da Garda Civil, mención honorífica Meninas Galicia 2025
As Concellerías de Igualdade e Seguridade Cidadá do Concello de Sarria queremos expresar a nosa máis sincera e profunda felicitación ao Equipo VioGén da Garda Civil, recentemente distinguido cunha das cinco mencións honoríficas Meninas Galicia 2025, entregadas o pasado 21 de novembro no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela.
Este recoñecemento, outorgado pola Delegación do Goberno en Galicia, salienta o compromiso exemplar na loita contra a violencia de xénero, no apoio ás vítimas e no traballo constante pola igualdade, enmarcado na conmemoración do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
O equipo galardoado está composto polos gardas civís José Ramón, Beatriz, Francisco Javier e José Manuel, baixo o mando da súa Capitán María José, que desenvolven unha labor esencial nos municipios do sur da provincia de Lugo, entre eles o Concello de Sarria.
Desde Sarria agradecémosvos a colaboración permanente que prestades aos servizos municipais e, moi especialmente, ao Centro de Información á Muller (CIM). O voso traballo especializado de atención, acompañamento e seguimento das vítimas, así como a vosa coordinación co persoal técnico municipal, é unha peza clave para ofrecer unha resposta eficaz e humana fronte á violencia machista.
Este galardón honra non só a vosa profesionalidade, senón tamén o voso compromiso persoal coa igualdade, a prevención e a erradicación de calquera forma de violencia contra as mulleres. É un orgullo para Sarria contar cun equipo que traballa sempre con rigor, sensibilidade e dedicación.
En nome do Alcalde, Claudio Garrido, da Concelleira de Igualdade, Isabel Vergara , do Concelleiro de Seguridade Cidadá, Félix Seijas, e da psicóloga do CIM, Noelia Gómez, trasladámosvos o noso máis sincero PARABÉNS por este merecidísimo recoñecemento. Grazas por estar sempre ao noso carón.

