Sarria

O alumnado do CEIP Frei Luís de Granada coñece en Sogama que pasa cos residuos que separamos na casa

Visita Sogama CEIP Frei Luís de Granada 16.10.2026

45 nenos e nenas de 5º de Primaria visitaron o Complexo Medioambiental de Cerceda e a Cidade da Cultura o venres 16 de outubro

 

O Concello de Sarria organizou o venres 16 de outubro unha xornada de visita ao Complexo Medioambiental de Sogama, en Cerceda, na que 45 nenos e nenas de 5º de Primaria do CEIP Frei Luís de Granada coñeceron de primeira man o percorrido dos residuos desde que se depositan nos contedores ata o seu tratamento.

 

Unha mañá en Sogama

O alumnado foi acompañado polas súas mestras e polo equipo técnico da campaña.

O equipo de educación ambiental de Sogama explicou no auditorio do Complexo como chegan os residuos á planta, como se clasifican, que materiais se recuperan e como se valoriza o resto, e insistiu na importancia de separar ben na casa, especialmente a materia orgánica, que vai ao colector marrón e se converte en compost.

O alumnado percorreu a planta de forma virtual con lentes de realidade virtual e participou en xogos interactivos sobre a separación de residuos.

Cultura pola tarde

Despois do xantar en Santiago de Compostela, o grupo realizou unha visita guiada á Cidade da Cultura de Galicia, no monte Gaiás, antes de regresar a Sarria.

A visita forma parte da campaña «O residuo orgánico? Ao marrón!». Máis información na páxina web sarria.ocaminosostible.gal, no teléfono 647 521 464 ou no correo electrónico Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo..

As actuacións forman parte do proxecto de mellora da recollida separada de biorresiduos do Concello de Sarria (expediente EELL-0184-2026-RES, Liña 1 do procedemento MT975X), que conta cunha axuda de 18.076,50 € da Xunta de Galicia, cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.

SARRIA WEATHER

Sarria

Seleccione su idioma